Concello de Narón
Novas
O CONCELLO COLABORA NO "I CAMPUS DE FÚTBOL E PÁDEL" QUE SE CELEBRARÁ A PARTIR DO 2 DE XULLO
As persoas interesadas en anotarse nalgunha das quendas, que rematarán o 17 de agosto, poden aínda facelo contactando coa Academia Tsu-Chü ou co clube P6 Narón Sport
Narón, 28 de xuño 2018. O concelleiro de Deportes, Román Romero, presentou xunto con Carlos García, José Antonio Villasuso (ambos da Academia Tsu-Chü, de rendemento técnico en fútbol) e Emilio Iglesias (P6 Narón Sport Center), o “I Campus de Fútbol e Pádel” organizado polas citadas entidades (nas instalacións do clube P6 Narón Sport no polígono de Río do Pozo), en colaboración, entre outros, co Concello naronés. Esta nova proposta deportiva diríxese a nenas e nenos de entre 5 e 15 anos. Na actualidade xa están anotadas unhas corenta persoas, que iniciarán a primeira quenda –son semanais, de luns a venres, ata o 17 de agosto- o vindeiro luns, 2 de xullo. As persoas interesadas en inscribirse poden aínda facelo chamando aos números de teléfono 687-353 431 e 881 185 808. A cuota é de 50 euros por persoa e semana, se ben haberá que engadir 10 euros máis no caso de solicitar o servizo de madrugadores e 30 máis no caso de incluirse as comidas. As persoas que demanden o servizo de madrugadores iniciarán as actividades ás 8.00 horas, se ben o resto participarán entre as 9.15 e as 14.15 coa única excepción dos que soliciten servizo de comedor, que sairán ás 16.00 horas. O campus constará dunha serie de adestramentos específicos de fútbol e pádel, nos que colaborarán xogadores profesionais de ambas modalidades deportivas. “O obxectivo deste campus é achegar aos participantes a unha serie de xogos que se poden practicar tamén nos parques e nas prazas do concello, de inculcarlles unhas propostas entretidas e lúdicas”, explicou Carlos García. Así mesmo, recalcou que se trata dunha proposta que permite tamén nestas datas estivais ás familias conciliar a súa vida laboral e persoal. O concelleiro de Deportes animou á veciñanza a participar nesta nova actividade “para pasar un bo rato e aprender novas técnicas”, destacando ademais a importancia de convocar e impulsar este tipo de iniciativas para facilitar a conciliación ás familias.
www.naron.es