Novas
 
A ALCALDESA RECIBIU NO CONCELLO AO CLUB DEPORTIVO NARÓN TRALO SEU ASCENSO A PRIMEIRA GALICIA
Marián Ferreiro felicitou aos integrantes do equipo gañador e, por extensión, ao resto de equipos do clube naronés polo seu traballo
Narón, 24 de maio de 2018. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu esta tarde, ás 19.00 horas, o acto de recepción oficial ao Club Deportivo Narón. A rexedora local felicitou aos integrantes do CD Narón, que quedaron campións de Segunda Galicia da comarca de Ferrolterra, o que lles permite ascender directamente a Primeira Galicia. “Transmitides á perfección os valores do deporte, o traballo en equipo e o compañeirismo e neste Concello estamos moi satisfeitos de que formedes parte da familia do deporte de Narón”, subliñou a alcaldesa, que excusou a ausencia no acto do edil de Deportes, Román Romero.
“Quero que fagades extensiva a felicitación ao resto de equipos do Club Deportivo Narón”, indicou Ferreiro, que destacou que “Narón goza de moi boa saúde no deporte e o Club Deportivo Narón é un excelente exemplo”. A alcaldesa valorou o traballo dos dezasete equipos que integran o CD Narón nas diferentes categorías e incidiu no feito de que “como muller síntome especialmente orgullosa de ver que tanto nos equipos base como na propia directiva tamén se aposta polas mulleres, o que achega ao deporte esa igualdade tan necesaria en tódolos ámbitos das nosas vidas”.
Pola súa banda, o presidente do clube, Xoán Andrés Pena, agradeceu o respaldo do Concello de Narón e avanzou que “esperamos conseguir máis ascensos na vindeira tempada, porque tamén estivemos a piques de logralo na categoría infantil”. “A nosa idea é representar a Narón como a oitava cidade de Galicia que é en tódolos sitios nos que xogamos”, asegurou, para avanzar a continuación que en materia de igualdade “estamos traballando para ampliar un equipo feminino”.
Os xogadores e representantes da directiva do clube levaron uns agasallos institucionais e a alcaldesa entregoulles unha placa en recoñecemento do ascenso a Primeira Galicia. Pola súa parte, en representación do CD Narón, dous dos xogadores, Dani Serantes e Iván Blanco, entregáronlle a Marián Ferreiro unha camiseta asinada polo equipo.



Últimas noticias
A ALCALDESA ASINOU UN CONVENIO CO CLUBE NHD ADVENTURE PARA A PROTECCIÓN MEDIOAMBIENTAL DA CIDADE
UNS DOUSCENTOS DEPORTISTAS PARTICIPARÁN O VINDEIRO DOMINGO NO DUATLÓN CIDADE DE NARÓN
O CONCELLO COLABORA COA REAL FEDERACIÓN GALEGA DE FÚTBOL E A SDCR NARÓN-O FREIXO NA ORGANIZACIÓN DUN CURSO DE MONITOR DE FÚTBOL SALA
O CAMPIONATO GALEGO DE TENIS DE MESA CELEBRARASE ESTA FIN DE SEMANA NO PAVILLÓN CAMPO DA SERRA
DEPORTISTAS DE QUINCE EQUIPOS GALEGOS PARTICIPÁRÁN NO XXII TROFEO DE BATEIS CIDADE DE NARÓN

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal