Novas
 
PRETO DE 450 DEPORTISTAS PARTICIPARÁN NO XVII TROFEO DE BAILE DEPORTIVO E CAMPIONATO GALEGO DE DANZA COREOGRÁFICA CIDADE DE NARÓN
A alcaldesa, Marián Ferreiro, o edil de Deportes, Román Romero, e Sandra García, do Club Baile Deportivo Narón, presentaron o evento, que terá lugar o 22 de abril no pavillón polideportivo da Gándara
Narón, 18 de abril de 2018. O pavillón polideportivo da Gándara acollerá este domingo, 22 de abril, a décimo sétima edición do Trofeo de Baile deportivo e o Campionato galego de Danza coreográfica Cidade de Narón. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presentou o evento acompañada polo concelleiro de Deportes, Román Romero, e Sandra García, do Club de Baile Deportivo Narón. A cita será, tal e como avanzou Ferreiro, a partir das 10.00 horas e contará coa participación de preto de 450 deportistas vencellados a diferentes clubes. As entradas para o evento poden recollerse na billeteira do Pavillón polideportivo da Gándara.
Sandra García explicou que a convocatoria constará de tres modalidades, “o Campionato galego de Danza coreográfica, no que participarán dezaséis equipos; a competición para o ranking nacional e unha nova modalidade da Federación Española de Baile deportivo sobre Ritmos caribeños”. O edil de Deportes, pola súa banda, incidiu en que o Trofeo de Baile deportivo será puntuable para o ranking nacional, destacando que a maiores de clubes galegos, maioritarios, participarán outros procedentes de comunidades como Madrid ou Santander. A representante do Club de Baile Deportivo Narón indicou que cinco xuíces nacionais encargaranse de puntuar aos deportistas.
No Campionato galego de Danza coreográfica participarán dous grupos campións de España o ano pasado e outros dous subcampións tamén a nivel estatal en 2017, integrantes todos eles do clube naronés, tal e como recordou Sandra García, que agradeceu a colaboración, un ano máis, do Concello de Narón neste evento.
“Para o Concello é un honor poder contar con esta proba no calendario de competicións deportivas da nosa cidade”, asegurou Marián Ferreiro. A alcaldesa destacou a labor e os logros do Club de Baile Deportivo Narón na súa traxectoria, que é o que conta con maior número de licencias de España.
A rexedora local e o edil de Deportes animaron ás veciñas e veciños de Narón e comarca a acudir o vindeiro domingo a esta convocatoria “na que poderemos gozar do traballo que a nivel de baile e danza se realiza tanto na cidade como noutros concellos de Galicia e mesmo de España”.



Últimas noticias
O CONCELLO CONVOCA TALLERES DE AUTODEFENSA DIRIXIDOS A MULLERES
A ALCALDESA ASINA CONVENIOS DE COLABORACIÓN COA ESCOLA SUPERIOR DE KÁRATE DE NARÓN, A ASOCIACIÓN LEDICIA CATIVA E O CENTRO DE RECURSOS SOLIDARIOS
A ALCALDESA ASINOU CONVENIOS CON OITO ENTIDADES DEPORTIVAS POR UN IMPORTE GLOBAL DE 191.000 EUROS
O PAVILLÓN CAMPO DA SERRA ACOLLERÁ O SÁBADO O XV TROFEO DE TIRO CON ARCO EN SALA
MÁIS DE 250 DEPORTISTAS PARTICIPARÁN O VINDEIRO SÁBADO NO XXVI TROFEO DE NATACIÓN CIDADE DE NARÓN

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal