Concello de Narón
Novas
O PAVILLÓN CAMPO DA SERRA ACOLLERÁ O "VII TORNEO DE ESGRIMA ANTIGA CIDADE DE NARÓN"
O Concello e a Asociación Naronesa de Esgrima Antiga organizan este evento que terá lugar o 20 de xaneiro a partir das 10.30 horas
Narón, 18 de xaneiro de 2018. A sétima edición do Torneo de Esgrima Antiga Cidade de Narón disputarase este sábado, día 20, nas instalacións do pavillón deportivo Campo da Serra, en Santa Icía. Preto de medio cento de persoas participarán neste evento, que se disputará entre as 10.30 e as 19.30 horas, tal e como indicou Efrén Faraldo, integrante da directiva da Asociación naronesa de esgrima antiga. O Concello de Narón colabora a través da área de Deportes na organización desta convocatoria, puntuable para a liga autonómica, según apuntou o concelleiro de Deportes, Román Romero. Entre as 10.30 e as 12.00 horas desenvolverase a modalidade de Espada de Man e Broquel e as dúas restantes, Espada de Man e Media e Espada Roupeira, serán pola tarde, a partir das 15.30 e desde as 17.00 horas, respectivamente. Os participantes proceden de clubes maioritariamente de municipios galegos –A Coruña, Santiago, Vigo e Pontevedra, ademais de Narón- pero tamén doutros de Portugal. O concelleiro de Deportes, Román Romero, destacou o feito de que se celebre na cidade unha nova edición deste evento deportivo e felicitou en particular á Asociación Naronesa de Esgrima Antiga (ANEA) polos éxitos acadados na primeira edición do Torneo de Esgrima Histórica que tivo lugar en Redondela a finais do pasado ano. Nesa cita os naroneses conseguiron seis medallas: tres ouros, unha prata e dous bronces. A entrada ás instalacións deportivas, recordou o edil, é de balde.
www.naron.es