Concello de Narón
Novas
O COMPLEXO POLIDEPORTIVO DA GÁNDARA ACOLLERÁ AS "IV XORNADAS SOLIDARIAS MARI CARMEN CABALLERO"
O evento terá lugar o 7 de xaneiro a partir das 18.45 horas e no mesmo participarán os clubes Cidade de Narón, Silver P6 e Lodairo
Narón, 3 de xaneiro de 2018. O concelleiro de Deportes, Román Romero, e o presidente do clube de fútbol sala Cidade de Narón, José Ramón Padín, presentaron esta mañá xunto cos presidentes do Silver P6 e do Clube Deportivo Lodairo, José Antonio Villasuso e Álvaro Couzo, respectivamente, as “IV Xornadas Solidarias Mari Carmen Caballero”. A cita deportiva, na que participarán estes tres clubes locais, terá lugar o domingo, día 7, no complexo polideportivo da Gándara a partir das 18.45 horas, tal e como indicou Romero. As persoas que queiran asistir terán que doar alomenos un quilo de alimentos que se entregará ao Centro de Recursos Solidarios de Narón. Este evento deportivo, tradicional xa na cidade, convócase a modo de homenaxe a Mari Carmen Caballero, unha veciña de Narón que apostou firmemente polo deporte en xeral e, en particular, polo fútbol sala e o atletismo. O presidente do Cidade de Narón agradeceu a colaboración do Concello “por apoiar estes tipo de partidos” e tamén dos clubes convidados, o Silver P6 e o Lodairo, que participarán no encontro. O Cidade de Narón e o Silver P6 disputarán o primeiro partido, a partir das 18.45 e duns 20 minutos de duración; para sobre as 19.30 comezar o do Silver P6 e o Lodairo e desde as 20.15 o do Lodairo e o Cidade de Narón. O presidente do C.D. Lodairo, Álvaro Couzo, agradeceu ao Cidade de Narón “que contasen con nós para participar nestas xornadas, ás que estamos encantados de asistir” e o seu homónimo do Silver P6, José Antonio Villasuso, destacou tamén a implicación do Cidade de Narón e do Concello neste evento deportivo. Así mesmo, desde ambas entidades deportivas anunciaron que desde hoxe mesmo se poden realizar doazóns de alimentos nos establecementos Café Bar Ramil, na avenida Souto Vizoso de Narón; no Café Bar Belando, da rúa Manuel Belando de Ferrol, e na cervexería Silver, no número 576 da estrada de Castela, en Narón, donde haberá unhas caixas nas que se poderán entregar os alimentos que tamén se doarán ao Centro de Recursos Solidarios de Narón o vindeiro domingo. Según indicaron desde as citadas instalacións, nestes momentos é prioritario recoller azucre, cacao, pasta e conservas de verduras, carne e pescado, ao ser o que máis precisan as familias que acuden para recibir alimentos, entre outros produtos. O concelleiro de Deportes de Narón felicitou ao Cidade de Narón por organizar un ano máis estas xornadas solidarias. “É un placer colaborar neste tipo de iniciativas que impulsan clubes locais neste caso”, apuntou Romero, que destacou que “este evento é precisamente especial porque ademais de ter un carácter solidario implica a tres clubes de Narón”. O edil animou á veciñanza a acudir ao partido para poder colaborar unha vez máis co Centro de Recursos Solidarios de Narón, “algo que a veciñanza da cidade fai sempre que organizamos calquera tipo de iniciativa solidaria e que quero aproveitar a ocasión para agradecerlles a todas e a todos os naroneses e tamén ás persoas que se achegan e colaboran desde outros concellos”.
www.naron.es