Novas
 
PRETO DE OITENTA NENAS E NENOS DE NARÓN PARTICIPAN NAS ACTIVIDADES DO PROGRAMA DEPORNADAL
As actividades iniciáronse hoxe no pavillón da Gándara e rematarán o vindeiro 5 de xaneiro, tal e como recordou o concelleiro de Deportes, Román Romero
Narón, 26 de decembro de 2017. Un total de setenta e oito rapazas e rapaces empadroados no Concello de Narón, con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, participan desde esta mañá nas actividades do programa DeporNadal. A oferta desta iniciativa, impulsada a través do Servizo Municipal de Deportes de Narón en colaboración con outros clubes e entidades, iniciouse hoxe ás 10.00 –rematou ás 13.00- no polideportivo municipal da Gándara, con dúas propostas deportivas: Fútbol sala e Atletismo. Mañá continuará na mesma ubicación con Natación e Balonmán; o xoves con Xadrez –no local social do Alto- e o vindeiro venres haberá Tiro con Arco e Patinaxe no pavillón da Mocidade, na Gándara.
Moitas das nenas e nenos inscribíronse en varias actividades deportivas. A modalidade de Tiro con arco é a que máis menores ten inscritos, un total de 49, seguido das de Tenis de mesa e Baloncesto, con 48 participantes cada unha delas e Voleibol, con 46. A continuación, con 41 sitúase Natación; con 40 cada unha Atletismo e Patinaxe; con 34 Fútbol sala; 36 Balonmán; con 35 Xadrez e Golf; con 33 Remo e con 30 cada unha Baile Deportivo e Judo.
As diferentes actividades desenvolveranse ata o 5 de xaneiro, sempre en horario de mañá, nas instalacións do Pavillón polideportivo da Gándara, no Pavillón da Mocidade, na Gándara; no pavillón Campo da Serra, en Santa Icía; no local social do Alto do Castiñeiro e no Club de Golf Campomar, no Val. A vindeira semana haberá Tenis de Mesa e Voleibol o día 2 no pavillón Campo da Serra; Baloncesto e Judo o día 3 no polideportivo da Gándara; Golf o día 4 no Club de Golf Campomar e, por último, Baile deportivo e Remo o día 5 tamén no pavillón da Gándara.
O concelleiro de Deportes, Román Romero, agradeceu a colaboración prestada polos clubes: Cidade de Narón, Atletismo Narón, Arco de Narón, Narón Bolea, Tenis de Mesa Narón, Judo Club Narón, Remo Narón, Club de Golf Campomar, Baile Deportivo Narón e Balonmán Narón; as agrupacións deportivas Náutico Narón, Santiago Apóstol, La Madriguera e o Círculo Xadrez Narón por colaborar co Servizo Municipal de Deportes “para poder ofrecer ás rapazas e rapaces de Narón esta completa oferta deportiva na tempada das vacacións de Nadal”. Así mesmo, o edil naronés desexou aos participantes que “aproveiten ao máximo estas xornadas deportivas nas que esperamos que desfruten das diferentes actividades”.




Últimas noticias
O "XXXI RALLYE CIDADE DE NARÓN" REUNIRÁ ESTA FIN DE SEMANA A 139 PARTICIPANTES
O CONCELLO CELEBRARÁ O VINDEIRO DÍA 30 DE XUÑO NA GÁNDARA A FESTA DO DEPORTE
O CONCELLO COLABORA NO "I CAMPUS DE FÚTBOL E PÁDEL" QUE SE CELEBRARÁ A PARTIR DO 2 DE XULLO
UNHAS 120 PERSOAS PARTICIPARÁN NA "II CARREIRA POPULAR DE ORIENTACIÓN CIDADE DE NARÓN"
MÁIS DE DUAS MIL PERSOAS PARTICIPARON NAS ANDAINAS DA TERCEIRA EDICIÓN DO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS"

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal