Novas
 
O SERVIZO MUNICIPAL DE DEPORTES ABRIU O PRAZO PARA INSCRIBIRSE NAS ACTIVIDADES DO PROGRAMA DEPORNADAL
As propostas diríxense a nenas e nenos de 6 a 12 anos empadroados en Narón e o prazo de inscrición rematará o vindeiro 21 de decembro
Narón, 11 de decembro de 2017. O concelleiro de Deportes, Román Romero, informou sobre a apertura do prazo de inscrición no programa DeporNadal, dirixido a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos empadroados no Concello de Narón. A iniciativa, ao igual que en anos anteriores, é de balde e inclúe actividades deportivas en diferentes ubicacións nas modalidades de fútbol sala, atletismo, balonmán, natación, xadrez, tiro con arco, patinaxe, tenis de mesa, voleibol, baloncesto, judo, golf, baile deportivo e remo. As persoas interesadas en asistir ás actividades, que se desenvolverán do 26 de decembro ao 5 de xaneiro, deben anotarse ata o 21 deste mes –incluído- na conserxería do complexo polideportivo da Gándara, en horario de 9.00 a 13.00 e de 15.15 a 23.00 horas de luns a venres e os sábados e domingos no mesmo horario de mañá e polas tardes de 15.15 a 20.30. O modelo de solicitude pode solicitarse no propio complexo polideportivo da Gándara ou descargarse da páxina web do Servizo Municipal de Deportes.
As propostas ofertadas, dúas por día na marioría das xornadas, terán lugar en horario de mañá, de 10.00 a 11.30 e de 11.30 a 13.00 horas e comezarán o día 26 con fútbol sala e atletismo, nas instalacións do polideportivo da Gándara. O mércores 27 será o turno do balonmán e natación, nas mesmas instalacións deportivas municipais, e o xoves 28 de xadrez, neste caso durante toda a mañá –nun horario específico de 10.30 a 12.30- e no local social do Alto do Castiñeiro. As propostas do venres son de tiro con arco e patinaxe e terán lugar no pavillón da Mocidade, na Gándara.
A segunda semana de actividades iniciarase o 2 de xaneiro con tenis de mesa e voleibol, no pavillón Campo da Serra, en Santa Icía, para continuar o día 3 con baloncesto e judo, no polideportivo da Gándara e o día 4 con golf, no Club de Golf Campomar (O Val). Neste último caso trátase dunha única xornada de tres horas, de 10.00 a 13.00 para todos os inscritos. Por último, o venres día 5 haberá baile deportivo e remo, no pavillón polideportivo da Gándara.
O concelleiro de Deportes Román Romero, destacou a implicación dos clubes e agrupacións deportivas que colaboran nesta nova edición de DeporNadal. “Sen a súa participación sería máis complicado poder ofertar desde o Concello un calendario con tanta variedade de actividades aos rapaces e rapazas de Narón nestas datas de Nadal”, asegurou o edil. Os clubes Cidade de Narón, Atletismo Narón, Arco de Narón, Narón Bolea, Tenis de Mesa Narón, Judo Club Narón, Remo Narón, Club de Golf Campomar, Baile Deportivo Narón e Balonmán Narón, así como as agrupacións deportivas Náutico Narón, Santiago Apóstol, La Madriguera e o Círculo Xadrez Narón colaboran co Servizo Municipal de Deportes nesta programación.
Romero recordou que os pais, nais ou titores dos menores deberán encargarse de levalos e recollelos ao inicio e fin das actividades. O concelleiro animou ás veciñas e veciños a inscribirse neste programa “para practicar deporte tamén durante estas datas de Nadal e tendo en conta que se trata dunha proposta de balde e que se adapta aos gustos dos participantes, ao contemplarse unha gran variedade de actividades deportivas”.


Descarga de archivos
Ficha de inscriciónTamaño:
90,41 KB
Descargar


Últimas noticias
MÁIS DE 250 DEPORTISTAS PARTICIPARÁN O VINDEIRO SÁBADO NO XXVI TROFEO DE NATACIÓN CIDADE DE NARÓN
ALCIA FERNÁNDEZ FRAGA, PREMIADA COMO MELLOR DEPORTISTA DE NARÓN DO ANO 2018
MÁIS DE 250 PERSOAS PARTICIPARON NUNHA NOVA ANDAINA DO PROGRAMA MUNICIPAL PONTE EN RUTA CON NÓS
O CONCELLO COLABORA NO "I OPEN DE PADEL EN CADEIRA-CIDADE DE NARÓN
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NO PROGRAMA MUNICIPAL DEPORNADAL 2018

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal