Concello de Narón
Novas
O "I OPEN DE PÁDEL ADAPTADO PREDIF GALICIA-CONCELLO DE NARÓN" DISPUTARASE ESTA FIN DE SEMANA
As instalacións do Club P6, en Río do Pozo, acollerán a celebración deste evento deportivo os días 26 e 27 de agosto
Narón, 24 de agosto de 2017. As instalacións do Club P6 de pádel localizadas no polígono de Río do Pozo acollerán esta fin de semana, os días 26 e 27, o “I Open de pádel adaptado Predif Galicia-Concello de Narón”. No evento, organizado polo Concello de Narón, Predif Galicia e o Club ADM, en colaboración con Decathlon e o Club P6, participarán oito parellas, galegas e tamén procedentes de Madrid, Valencia e do País Vasco, tal e como indicaron desde a organización. Os xogadores optarán a varios premios en metálico, que ascenden en conxunto a 1.000 euros e que se repartirán en función dun baremo federativo, entregándose tamén trofeos para os gañadores e os subcampións. O sábado pola mañá disputaranse os partidos de primeira ronda, a partir das 12.00 horas, e primeira ronda de consolación. En horario de tarde, desde as 16.30 horas, terán lugar as semifinais de primeiro cadro e consolación. Tamén o sábado terá lugar unha xornada de escola –bautismo de pádel- para outras discapacidades, patrocinada pola Federación Galega de Deporte Adaptado (FGDA). Esta última proposta dará comezo ás 17.30 horas e á mesma asistirán rapaces e rapazas procedentes da Coruña e de Vigo. O domingo xogaranse as finais a partir das 13.00 horas. Esta convocatoria aposta por potenciar a presencia de eventos deportivos na comunidade, un dos obxectivos marcados por parte de Predif Galicia e do Club ADM, co fin de impulsar a integración a tódolos niveis, realizando deporte e compartindo experiencias con persoas con e sen discapacidade, tal e como indicaron. O edil de Deportes, Román Romero, incidiu en que o Concello de Narón comparte tamén estes obxectivos, ofrecendo en todo momento a colaboración precisa para o desenvolvemento deste evento. O concelleiro naronés destacou a importancia de que as administracións e os clubes se impliquen e colaboren neste tipo de eventos e amosou a súa confianza en que a cita teña continuidade nos vindeiros anos. Así mesmo, Romero convidou á cidadanía a asistir ao “I Open de pádel adaptado Predif Galicia-Concello de Narón”, no que se poderá comprobar o elevado nivel dos xogadores de pádel dos clubes locais, así como doutros procedentes doutras comunidades.
www.naron.es