Concello de Narón
Novas
O "VI CERTAME MR&MS ESPAÑA IBFA 2017" CELEBRARASE ESTA FIN DE SEMANA NO AUDITORIO MUNICIPAL
A Concellería de Deportes, presidida por Román Romero, colabora neste evento, que reunirá o 13 de maio a profesionais e afeccionados do culturismo e do fitness
Narón, 10 de maio de 2017. O Auditorio municipal de Narón, na Praza de Galicia, acollerá este sábado, día 13, a sexta edición do certame de culturismo e fitness “Mr&Ms España IBFA 2017”. O edil de Deportes, Román Romero, e o presidente de IBFA en España, Luis Pernas presentaron esta mañá o evento no Concello. A Concellería de Deportes colabora nesta convocatoria, que dará comezo ás 16.30 horas, se ben a pesaxe dos participantes terá lugar entre as 10.30 e as 12.00 nas instalacións do Revolution Fitness Center Narón. A organización estima que este ano se incrementará a participación neste certame con respecto ao ano anterior (tamén se celebrou en Narón), ao estar confirmada a asistencia dun centenar de persoas chegadas de diferentes municipios de España. Romero animou á veciñanza de Narón e doutros concellos a asistir a este evento. Aquelas persoas interesadas en inscribirse poden facelo o propio día do certame e deben aboar 25 euros por cada categoría na que se inscriban. O evento contará cun total de catorce categorías: Miss e Mister Fashion talla baixa e alta –as mulleres irán con bikini e vestido de noite e os homes con bañador-; Miss Fitness; Junior; Classic (ata 74 quilos de peso e ata 80 quilos); Culturismo tallas baixa, media e alta e Culturismo Máster para maiores de 40, 50 e 60 anos. Pernas avanzou que no transcurso deste certame se preseleccionará á persoa que poderá competir no certame de Culturismo de Mr&Ms Universo que terá lugar en Italia a principios do vindeiro mes de xullo. As persoas que desexen recibir máis información sobre este evento, que se prevé que dure unhas dúas horas, poden chamar ao número de teléfono 634 555 035.
www.naron.es