Concello de Narón
Novas
A ESCOLA LORENZO NARÓN DE FORMACIÓN DE PILOTOS COMENZA A FUNCIONAR NA PARROQUIA DE SAN XIAO
O alcalde, José Manuel Blanco, e o pai do piloto de motociclismo Jorge Lorenzo, Chicho Lorenzo, presentaron esta nova sede das Escolas Lorenzo na cidade
Narón, 8 de abril de 2017. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e Chicho Lorenzo, pai e formador do tricampión do mundo de MotoGP Jorge Lorenzo, presentaron no local social de San Xiao a Escola Lorenzo Narón. A cidade dispón desde hoxe dunha sede das Escolas que Chicho Lorenzo impulsa por España e outros países co fin de formar a pilotos de motos seguindo o “método Lorenzo”. A Escola Lorenzo Narón estará presidida por David Silvent, pai de Edgar Silvent, un neno de seis anos de Narón que se forma desde hai un tempo a través do método impulsado pola citada rede de Escolas. Pasadas as doce do mediodía Chicho Lorenzo chegaba ao local social de San Xiao –donde xa onte á tarde impartiu un curso sobre pilotaxe- e alí recordou as súas orixes galegas e asegurou estar “alucinado polo bonita que é esta parte de Galicia”. Lorenzo resumiu o traballo que se realiza na rede de Escolas que coordina en diferentes países e desexou que a andaina da de Narón “sexa todo un éxito”. “Por cada dez mil habitantes hai un neno ou unha nena que queren ser pilotos, polo que aquí aspiramos a contar con algo máis, cuns doce alumnos e alumnas”, apuntou, destacando que “serán os mellores motoristas”. O pai de Jorge Lorenzo agradeceu a colaboración prestada desde o Concello de Narón “para que esta Escola sexa unha realidade”. Pola súa parte o alcalde, José Manuel Blanco, asegurou que para os naroneses e naronesas “é un pracer contar cunha Escola Lorenzo no noso concello” e destacou a aposta do goberno local en materia de educación e seguridade viaria, que reportou ao Concello naronés varios premios a nivel estatal –dous da iniciativa “Ponle Freno” e un que recibiron recentemente da Fundación da Confederación Nacional de Autoescolas-. “Todo isto anímanos a continuar traballando na mesma liña e colaborando con colectivos como o Moto Club Fojeteiros, que hoxe en día é unha institución dentro e fóra de Galicia”. Finalmente Blanco desexou moita sorte aos impulsores desta iniciativa e deulles novamente a benvida á cidade. Uns momentos antes da presentación oficial da Escola Lorenzo Narón persoal das Escolas que acudiu ao acto traballou na pista deportiva de San Xiao –xunto ao local social- con nenos de entre 3 e 9 anos de Escolas Lorenzo de Pontevedra, Zamora e Coímbra (Portugal), que pola tarde practicarán tamén coas minimotos no circuíto de radiocontrol do polígono de Río do Pozo. Tamén esta tarde, ás 20.00 horas, no local social de San Xiao haberá un novo curso formativo –de balde- no que Chicho Lorenzo falará sobre os últimos avances en materia de pilotaxe e motociclismo deportivo. Así mesmo, esta tarde entre as 16.00 e as 20.00 horas e mañá domingo nese mesmo horario o pai de Jorge Lorenzo impartirá cursos de técnicas de pilotaxe e condución deportiva. Están pensados para adultos e é precisa inscrición previa. A Escola Lorenzo Narón, na que poden anotarse as persoas interesadas, funcionará os martes e xoves de 17.30 a 20.30 e os sábados de 10.00 a 14.00 horas en San Xiao. Para informarse sobre as tarifas ou consultar posibles dúbidas pódese chamar aos números de teléfono 607 404 753 e 608 458 118.
www.naron.es