Concello de Narón
Novas
O CONCELLO PRESENTARÁ ESTA FIN DE SEMANA A ESCOLA LORENZO NARÓN DE FORMACIÓN DE PILOTOS DE MOTOCICLISMO
O pai do recoñecido piloto de motociclismo Jorge Lorenzo, Chicho Lorenzo, impartirá no local social de San Xiao cursos sobre este deporte
Narón, 5 de abril de 2017. O edil de Deportes de Narón, Román Romero, avanzou esta mañá en rolda de prensa a inminente posta en marcha da Escola Lorenzo Narón, de formación de pilotos de motociclismo na parroquia de San Xiao, dirixida a persoas de todas as idades a partir de dous anos. O concelleiro estivo acompañado no acto polo director da Escola Lorenzo Pontevedra, Eduardo Torres; Ángel Barros, da Escola Lorenzo Coruña, e José López Quintián, do Moto Club Fojeteiros, de Narón. A presentación oficial da Escola Lorenzo Narón terá lugar este sábado, día 8, ás 12.00 horas, no local social de San Xiao. O pai do recoñecido piloto de motociclismo Jorge Lorenzo, Chicho Lorenzo, desprazarase a Narón para presentar o método que se segue nestas Escolas, abertas en diferentes comunidades de España e tamén noutros países. Tamén se encargará de impartir unha conferencia este venres, día 7, e o sábado 8, ás 20.00 horas no local social de San Xiao –de balde- sobre seguridade e na que se darán a coñecer os últimos avances sobre pilotaxe e motociclismo deportivo. Entre as 10.00 e as 12.00 horas deste sábado, persoal das citadas Escolas traballará con pilotos de entre 4 e 9 anos procedentes de Coímbra (Portugal), Pontevedra e Zamora na pista deportiva de San Xiao -os menores estarán tamén pola tarde no circuíto de radiocontrol de Río do Pozo-. A partir das 12.00 horas Chicho Lorenzo presentará oficialmente a Escola Lorenzo Narón, que iniciará a súa andaina este mesmo día en San Xiao. Inicialmente a previsión é que a Escola de Narón estea operativa os martes e xoves de 17.30 a 20.30 horas e os sábados de 10.00 a 14.00 horas. Pero eses horarios, tal e como subliñou Torres, poden sufrir variacións no caso de que o calendario de competicións e eventos así o requira. As persoas que se desplacen este sábado a San Xiao poderán recibir a información precisa sobre cómo anotarse e as tarifas establecidas. Polo momento a Escola Lorenzo conta xa cun piloto naronés, Edgar Silvent, de seis anos –fillo de David Silvent, director da Escola Lorenzo Coruña- aínda que outros rapaces da zona xa amosaron o seu interese por formar parte da mesma. Nas xornadas do sábado e do domingo, entre as 16.00 e as 20.00 horas, haberá cursos de técnicas de pilotaxe e condución deportiva, impartidos tamén por Chicho Lorenzo. Esta iniciativa destínase a pilotos adultos, para os que está confirmada a asistencia de profesionais do motociclismo de Coímbra, de Pontevedra, e tamén do Moto Club Fojeteiros. As persoas interesadas en anotarse poden aínda facelo ou recibir máis información ao respecto a través dos números de teléfono 607 404 753 e 608 458 118, recomendándose inscribirse previamente. Eduardo Torres explicou que “comezamos a traballar con nenos e nenas a partir de dous anos, en bicicleta, e desde os catro xa collen as minimotos”. O director da Escola Lorenzo Pontevedra destacou o método de traballo que seguen estas Escolas nas que, apuntou, “abordamos tamén temas de educación física, concentración, ioga, psicoloxía deportiva e fracasos tras unha carreira, entre outros”. Torres e Barros agradeceron a colaboración prestada “desde o primeiro momento” tanto polo Concello de Narón como polo Moto Club Fojeteiros. En representación deste último, Quintián destacou a importancia da educación en valores entre as persoas que forman parte deste tipo de Escolas “porque lles inculcan uns ideais que lles serán moi útiles no seu día a día”. Pola súa parte, o edil de Deportes valorou o feito de que o equipo de Lorenzo tivese en conta a Narón á hora de establecer na cidade unha das súas Escolas e agradeceu tamén a colaboración do Moto Club Fojeteiros. “É moi importante crear afición e ofrecer á veciñanza novas posibilidades formativas no ámbito do deporte, algo polo que sen dúbida apostamos desde o goberno local naronés”, subliñou Romero. O edil animou ás persoas interesadas no motociclismo a acudir aos eventos programados en San Xiao esta fin de semana con motivo da presentación da Escola Lorenzo Narón.
www.naron.es