Concello de Narón
Novas
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA UNHA NOVA ANDAINA DO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS"
A camiñata terá lugar o vindeiro 23 de abril, polas inmediacións da central eléctrica de Caaveiro, e as persoas interesadas en asistir poden anotarse no pavillón polideportivo da Gándara
Narón, 3 de abril de 2017. O Padroado de Deportes de Narón abriu hoxe o prazo de inscrición na vindeira andaina do programa municipal “Ponte en ruta con nós”, coorganizado coa empresa Arasti Barca. A saída programada para este mes será o día 23 –non o 30 tal e como estaba previsto inicialmente- e discurrirá por un tramo duns doce quilómetros, circular, polas inmediacións da central eléctrica de Caaveiro. Os participantes deberán estar ás 9.15 horas no pavillón polideportivo da Gándara, desde onde un autobús os levará ao punto de inicio da ruta e a donde regresarán unha vez rematado o percorrido. A dificultade é media-alta e o tempo estimado para realizar esta andaina é dunhas tres horas. As inscricións deben formalizarse cubrindo unha instancia que se pode recoller no pavillón polideportivo da Gándara e aboando unha cuota de tres euros para cubrir os gastos de desprazamento en autobús dos participantes. O horario para poder anotarse é de luns a xoves, de 10.00 a 13.00 e desde as 16.30 ata as 18.30 e os venres de 9.00 a 13.00. A organización recorda que non poderán asistir menores de 18 anos sen ir acompañados do seu pai ou nai ou por un titor/a.
www.naron.es