Concello de Narón
Novas
UN TOTAL DE 275 PERSOAS INSCRIBÍRONSE NA ANDAINA ENTRE PRIORIÑO E COVAS DO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS"
A vindeira ruta do programa, para a que se abrirán as inscricións o 1 de marzo, terá lugar o día 26 do vindeiro mes e desenvolverase entre Prioriño e San Xurxo
Narón, 17 de febreiro de 2017. A cuarta andaina da segunda edición do programa municipal “Ponte en ruta con nós” desenvolverase este domingo, día 19. Un total de 275 persoas anotáronse nesta convocatoria, con punto de partida ás 9.15 horas do pavillón polideportivo da Gándara, desde donde os camiñantes sairán en bus cara ao Convento de Baltar para iniciar alí a súa ruta a pé polo Alto da Lagoa ata a zona de Covas. Percorrerán un tramo duns catorce quilómetros e irá de novo un bus ata a cooperativa de Covas para levalos de regreso ao pavillón da Gándara unha vez rematada a ruta. O Padroado de Deportes de Narón e a empresa Arasti Barca organizan estas andainas, cuxo éxito se consolida a medida que avanza o programa, tal e como o constata a elevada participación en cada unha das andainas convocadas. A próxima saída terá lugar o 26 de marzo e consistirá nun percorrido entre Prioriño e San Xurxo, duns doce quilómetros aproximadamente. As persoas interesadas en anotarse na vindeira andaina poderán facelo a partir do 1 de marzo. As prazas concédense por rigorosa orde de inscrición, debendo cubrir unha instancia que se pode recoller e entregar no pavillón polideportivo da Gándara, de luns a xoves en horario de 10.00 a 13.00 e de 16.30 a 18.30 e os venres de 9.00 a 13.00. A cota de inscrición é de tres euros, cantidade na que se inclúen os gastos de desprazamento en bus e tamén un pequeno avituallamento. Os menores de 18 anos deberán asistir acompañados dunha persoa adulta. A actividade, que conta coa colaboración de Protección Civil de Narón, tan só se suspenderá en caso de alerta laranxa ou vermella decretada pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet).
www.naron.es