Concello de Narón
Novas
O CLUBE CAMALEONES NARÓN BIKE INICIA A SÚA ACTIVIDADE OFICIAL CUNHA CHARLA NO LOCAL SOCIAL DA SOLAINA
A cita, aberta a todas aquelas persoas que practican tanto ciclismo como atletismo, será o 25 de febreiro e na mesma, Javier Castro, especialista en planificación e tecnificación de deportes, falará sobre "Zonas de adestramento"
Narón, 15 de febreiro de 2017. O concelleiro de Deportes, Román Romero presentou esta maña un novo clube de Narón: Camaleones Narón Bike. O presidente da entidade, Antonio Castro, e un dos vogais, Juan Ricardo Costoya, acudiron á rolda de prensa para dar a coñecer a primeira das actividades oficiais deste clube, que terá lugar o vindeiro 25 de febreiro no local social da Solaina. Trátase, tal e como explicaron, dunha charla titulada: “Zonas de adestramento… Que queremos facer”, que dará comezo ás 12.30 horas e correrá a cargo de Javier Castro, especialista en planificación e tecnificación de deportes. A Concellería de Deportes de Narón colabora con esta actividade, aberta á participación das persoas que practican tanto ciclismo como atletismo, tal e como explicou o edil Román Romero. O Club Camaleones Narón Bike conta na actualidade con trinta e oito licencias, principalmente de veciños e veciñas de Narón aínda que tamén doutras persoas de concellos de Ferrolterra. Aínda que é agora cando se constuíu oficialmente, leva catro anos de traballo, recorda o seu presidente, tanto en ciclismo como a nivel de competicións deportivas. Tanto é así, indicaron, que nos tres vindeiros meses teñen pechada a súa participación en catorce probas das modalidades de: Enduro, BTT, Descenso e Estrada. A través da súa páxina de Facebook: Camaleones Narón Bike, as persoas interesadas poden obter máis información sobre este novo clube ou mesmo inscribirse. O presidente do club Camaleones Narón Bike, Antonio Castro, agradeceu publicamente a colaboración do Concello de Narón nesta primeira actividade. Pola súa parte, o edil de Deportes, Román Romero, destacou o traballo do novo clube, así como o nivel das persoas que forman parte do mesmo, animando aos amantes do ciclismo e do atletismo a acudir a esta primeira actividade organizada polo colectivo.
www.naron.es