Concello de Narón
Novas
O PAVILLÓN POLIDEPORTIVO DE SANTA ICÍA ACOLLERÁ A "III XORNADA DE TECNIFICACIÓN DA FEDERACIÓN ESPAÑOLA DE BAILE DEPORTIVO"
A cita programouse para o sábado 4 de febreiro e desenvolverase en horario de mañá e tarde, tal e como indicou o edil de Deportes, Román Romero
Narón, 1 de febreiro de 2017. A terceira edición da Xornada de Tecnificación da Federación Española de Baile Deportivo (FEBD) desenvolverase o vindeiro sábado, día 4, nas instalacións do pavillón polideportivo Campo da Serra, en Santa Icía. Así o anunciou o concelleiro de Deportes, Román Romero, que asegurou que “é toda unha satisfacción para o noso Concello que a Federación Española de Baile Deportivo aposte pola nosa cidade para levar a cabo esta xornada”. As probas, nas que se prevé a participación dun centenar de persoas que practican baile deportivo e con licencia en activo, terán lugar entre as 9.30 e as 19.00 horas. Os participantes proceden de Galicia, se ben algúns dos inscritos chegan doutras localidades, como Valencia, Madrid e tamén das Illas Baleares, concretamente de Palma de Mallorca, entre outras. Un equipo de técnicos internos da Federación e externos encargarase de valorar o traballo dos participantes. Romero avanzou que entre os da modalidade externa desprazaranse a Narón: Christian Costa, de Italia, e Michael Malitowski, Polaco e varias veces campión do mundo de Baile Deportivo. A vindeira xornada de tecnificación programouse para o 4 de marzo en Barcelona, tal e como apuntan desde a Federación Española de Baile Deportivo.
www.naron.es