Concello de Narón
Novas
O CENTRO SOCIAL DO ALTO ACOLLERÁ O "I TORNEO DE NADAL INTERCENTROS DO CONCELLO DE NARÓN"
O Padroado de Deportes ofertou esta actividade, organizada en colaboración co Círculo Xadrez Narón, a todos os centros escolares da localidade
Narón, 13 de decembro de 2016. O Padroado de Deportes de Narón e o Círculo Xadrez Narón organizan o “I Torneo de Nadal Intercentros Concello de Narón”. O edil de Deportes, Román Romero, o secretario e o tesoureiro do Círculo Xadrez Narón, Juan Rodríguez e Antonio Masede, respectivamente, presentaron esta mañá o evento, que se desenvolverá o vindeiro sábado, día 17, no Centro Social do Alto do Castiñeiro –no número 7 da rúa Manuel Antonio- a partir das 16.30 horas. O edil naronés explicou que desde o Padroado de Deportes se informou a todos os centros escolares da localidade da celebración deste torneo, con inscricións de balde e que poden formalizarse ata a xornada do vindeiro xoves, día 15 no Círculo de Xadrez Narón. Así mesmo, desde a entidade apuntaron que se convocaron torneo de rápidas, pasapezas e simultáneas para as categorías sub 16, 14, 12, 10 e 8. Os gañadores das diferentes categorías recibirán un trofeo e, a maiores, sortearanse varios agasallos entre os participantes e unha cesta con produtos de Nadal, tal e como indicaron os organizadores. Os representantes do Círculo Xadrez Narón agradeceron a colaboración ofrecida desde o Concello de Narón tanto para este evento como para outras actividades organizadas polo citado colectivo. Pola súa parte, Román Romero animou aos alumnos e ás alumnas dos centros educativos da cidade a participar neste evento, “que convocamos este ano na súa primeira edición e que esperamos manter no tempo durante moitos máis anos coa implicación do Círculo Xadrez Narón e do alumnado ao que se dirixe”.
www.naron.es