Concello de Narón
Novas
O "XXIV TROFEO DE NATACIÓN CIDADE DE NARÓN" DISPUTARASE ESTA FIN DE SEMANA NA GÁNDARA
Preto de medio milleiro de nadadores procedentes de diferentes clubes galegos e doutras comunidades españolas participarán o 26 de novembro nesta convocatoria, que terá lugar no complexo polideportivo da Gándara
Narón, 24 de novembro de 2016. O complexo polideportivo da Gándara acollerá o sábado, día 26, a vixésimo cuarta edición do “Trofeo de Natación Cidade de Narón” , cita que coincide co “XIX Memorial Javier Lago”, organizado pola Agrupación Deportiva Náutico de Narón en colaboración co Padroado de Deportes do Concello. O edil de Deportes, Román Romero, presentou esta mañá o evento xunto con Amando Guerrero, presidente da AD Náutico de Narón. A cita deportiva dará comezo ás 17.30 horas e prolongarase ata as 20.00, según as previsións. O concelleiro naronés avanzou que participarán nesta competición uns douscentos nadadores, que representarán a un total de once clubes procedentes de diferentes municipios galegos e tamén doutras comunidades autónomas. Pola súa parte, o presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón avanzou, en canto a algúns dos nadadores máis recoñecidos, que confirmaron a súa asistencia os locais Raquel Fernández e Lorenzo Ortiz, así como Marta Pereira (Marina) e Elena Masa (Natación Ferrol), que entre outros optan ao “XIX Memorial Javier Lago”, que outorga o Náutico de Narón. Acudirán tamén, indicou, nadadores de dous clubes asturianos (Villa de Navia e Club de Natación Avilés, este último regresa á competición naronesa despois de dez anos sen participar, apuntou Guerrero); e de Pabellón Ourense, CN Arteixo, CN Xove, CN Coruña, Cidade de Santiago, CN Ferrol, CN Cedeira e Marina, xunto cos anfitrións, do Náutico de Narón. Entre os nadadores foráneos máis destacados están tamén Raquel e Sabina Pérez (do CN Villa de Navia); Alejandro Pasareti (Santiago), Elena Fernández, Alba Gómez (Arteixo) e, entre outros, Enol Valdés (Xove). O concelleiro de Deportes valorou o feito de que este trofeo estea a un ano de alcanzar a súa vixésimo quinta edición e agradeceu o traballo desenvolvido pola Agrupación Deportiva Náutico de Narón, así como a participación dos clubes que acudirán a este evento. Román Romero convidou á veciñanza de Narón e comarca a presenciar o sábado esta convocatoria, subliñando a elevada categoría dos participantes na mesma.
www.naron.es