Concello de Narón
Novas
UNHAS CINCOCENTAS PERSOAS PARTICIPARÁN NO "XV TROFEO DE ATLETISMO CIDADE DE NARÓN"
O evento deportivo terá lugar o 26 de novembro nas instalacións do Estadio Municipal de Río Seco
Narón, 24 de novembro de 2016. O edil de Deportes, Román Romero, presentou esta mañá o “XV Trofeo de Atletismo Cidade de Narón”, acompañado por Alejandro Romero e Yolanda Fonticoba, vicepresidente e vogal, respectivamente, do Club Atletismo Narón. O evento, organizado polo citado clube en colaboración co Concello, terá lugar este sábado, día 26, no Estadio Municipal de Río Seco, en Narón, a partir das 10.00 horas e ata as 14.00. O clube naronés avanzou que se inscribiron nesta convocatoria unhas oitocentas persoas, se ben explicou que algunhas anotáronse en máis dunha proba, polo que a participación estímase nunhas cincocentas persoas. O edil naronés valorou a boa acollida deste evento, ao que acudirán atletas chegados de diferentes clubes de municipios da comunidade autónoma galega. Ao longo da mañá terán lugar carreiras e dous tipos de probas de diferentes modalidades, en tódalas categorías, desde benxamíns ata veteranos. Velocidade, salto, salto de lonxitude, peso, medio fondo, fondo, carreiras de relevos e 4x100 serán as modalidades deste “XV Trofeo de Atletismo Cidade de Narón”. Os tres primeiros clasificados por proba e categoría recibirán unha medalla conmemorativa, debendo acudir á ceremonia de entrega, a última hora. O edil de Deportes animou á veciñanza a acudir a este evento deportivo, cun gran recoñecemento a nivel non só comarcal, senón tamén autonómico.
www.naron.es