Concello de Narón
Novas
CANCELADA A CARREIRA SOLIDARIA SANTANDER DE NARÓN PREVISTA PARA O 27 DE NOVEMBRO
As persoas que xa se anotaran nesta cita deportiva recibirán unha chamada da organización informando da suspensión deste evento e do reembolso da cuota abonada
Narón, 22 de novembro de 2016. A organización da Primeira Carreira Solidaria Santander de Narón, patrocinada na localidade polo Banco Santander comunicou esta mañá a suspensión da cita, prevista para o vindeiro domingo, día 27 na cidade. Ao respecto, indicaron que todas aquelas persoas que xa estaban inscritas neste evento deportivo, á par que solidario, ao destinarse parte da recadación procedente das inscricións á Cruz Vermella Asemblea Comarcal de Ferrol, serán chamadas para informalas da cancelación desta cita. Ademais de proceder ao reembolso da cantidade abonada, a organización indicou que a aquelas persoas inscritas enviaráselles unha camiseta que estaba preparada para este evento á oficina do Banco Santander de Xuvia. O Padroado de Deportes de Narón colaboraba nesta iniciativa deportiva e solidaria. O edil da área, Román Romero, solicitou desculpas a todas aquelas persoas que tiñan previsto participar neste evento e que finalmente, por motivos alleos ao Padroado, non se desenvolverá este domingo na localidade.
www.naron.es