Concello de Narón
Novas
O NARONÉS DAVID MOURIZ RECIBIU O PREMIO AO "MELLOR DEPORTISTA DO ANO EN NARÓN" NA XXVIII GALA DO DEPORTE
O Pazo da Cultura acolleu o acto, no que se premiou aos mellores deportistas locais en diferentes modalidades
Narón, 18 de novembro de 2016. A vixésimo oitava edición da Gala do Deporte de Narón rematou co nomeamento do naronés David Mouriz, do clube Bidaideak Bilbao, como “Mellor deportista de Narón 2016”. O gañador recolleu o premio de mans da alcaldesa accidental, Marián Ferreiro. Cun exitoso currículum deportivo, Mouriz, de 34 anos, participou na final dos Xogos Paralímpicos de Río este ano, obtendo a medalla de prata coa selección española de baloncesto adaptado. A dilatada e brillante carreira deportiva de Mouriz, que milita na División de Honor de Baloncesto en Cadeira de Rodas, conta cun exitoso palmarés, cunha medalla de bronce nos Campionatos de Europa do 2013 coa Selección Española de Cadeira de Rodas e o diploma olímpico nos Xogos Olímpicos de Londres 2012. O encargado de presentar a Gala foi o director de Cadena Dial Rías Altas, Alfonso López, e o xurado que valorou aos deportistas estivo formado polos xornalistas José Valencia, Juan A. Galego, Juan Quijano, Santiago Rey e o propio presentador do evento e por tres licenciados en INEF: José Sordo, José Luis Tuimil e Miguel Ángel López. Preto dun milleiro de persoas asistiron a este acto, celebrado no Pazo da Cultura de Narón. Unha exbición de ximnasia estética abriu esta nova edición da Gala do Deporte de Narón, na que tamén se proxectou un video sobre a actividade deportiva local durante a anualidade 2015-2016. A alcaldesa accidental, Marián Ferreiro, subiu ao escenario para felicitar a todas e todos os deportistas da cidade en xeral e aos premiados en particular, desculpando ao principio ao rexedor local, José Manuel Blanco, que por motivos familiares non puido acudir ao evento. Destacou Ferreiro “o compromiso, a responsabilidade e o traballo en equipo, valores fundamentais nesas mulleres e homes que practican deporte” e tamén a aposta do Concello polo deporte, tanto no referente ás instalacións como aos servizos e actividades prestadas desde a administración local. “Os deportistas de Narón sodes hoxe os protagonistas, porque sen todas e todos vós non poderiamos estar celebrando esta Gala”, recalcou a alcaldesa accidental, que recordou tamén a aquelas mulleres e homes que participaron nas anteriores edicións deste evento, aos responables dos clubes e entidades deportivas, adestradores, persoal do Padroado de Deportes e ás familias dos deportistas. “Sodes o futuro do deporte en Narón, o futuro da oitava cidade de Galicia, e queremos agradecervos que levedes con tanto orgullo o nome de Narón fóra do noso Concello”, subliñou. Trala intervención de Marián Ferreiro o presentador deu paso á entrega dos premios das modalidades de atletismo, automobilismo, baile deportivo e de competición, baloncesto, balonmán, ciclismo, colombofilia, fútbol, fútbol sala, golf, kárate e natación. A continuación deu comezo unha exhibición do Club de Baile Deportivo Narón para seguir a programación do evento coa entrega dos premios de: natación sincronizada, pesca, piragüismo, rallye-slot, remo, silvestrismo, tenis de mesa, tiro con arco, triatlón, voleibol, xadrez e ximnasia rítmica. O Club de Baile Deportivo Narón subiu novamente ao escenario antes de iniciarse a intervención do concelleiro de Deportes, Román Romero. O edil naronés aludiu aos compromisos adquiridos no momento da súa chegada ao goberno local: “o mantemento das instalacións, a atención ao deporte federado e a promoción de actividades deportivas non federadas”. Romero, que valorou o gran esforzo dos deportistas locais, repasou tamén o traballo realizado no último ano e medio nesta área e incidiu no compromiso do Concello por continuar avanzando na mesma liña. Así mesmo, o edil anunciou unha nova iniciativa que comezará o vindeiro ano, que consiste en “convocar unha axuda pública de libre concorrencia para deportistas de alto nivel”. Trala intervención do concelleiro naronés entregáronse as mencións especiais á Mellor promesa, Mellor traxectoria deportiva, Mellor proxección deportiva, polos Logros deportivos, Mellor adestrador e polo Traballo, dedicación deportiva e humana ó longo de moitos anos no Concello, así como ao Mellor Clube. Finalmente procedeuse á entrega do premio de Mellor deportista de Narón do ano 2016 ao naronés David Mouriz, que recolleu o premio de mans da alcaldesa accidental. Ao remate da Gala serviuse un ágape para os asistentes no hall do Pazo da Cultura.
Descarga de archivos
Premiados
Tamaño:536,03 KB
www.naron.es