Concello de Narón
Novas
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NUNHA NOVA ANDAINA DO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS"
A camiñata desenvolverase entre Covas e o Cabo Prior o vindeiro 27 de novembro
Narón, 2 de novembro de 2016. As persoas interesadas en anotarse na segunda andaina da nova edición do programa municipal “Ponte en ruta con nós”, convocada para o vindeiro 27 de novembro, poden facelo desde hoxe nas instalacións do Pavillon de Deportes da Gándara, en horario de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 18.30. Os camiñantes realizarán durante a xornada, que se iniciará ás 9.30 horas, un percorrido entre Covas e Cabo Prior, no municipio de Ferrol, por un tramo duns catorce quilómetros no que poderán gozar coas paisaxes da zona. O concelleiro de Deportes, Román Romero, animou á cidadanía a sumarse a esta nova andaina da segunda edición deste programa, organizado polo Padroado de Deportes de Narón e a empresa Arasti Barca. A iniciativa aposta por promover a práctica de actividade deportiva ao aire libre e permite aos asistentes coñecer de primeira man numerosas localizacións dos concellos de Narón e Ferrol. Os participantes deben ter máis de 18 anos –os menores teñen que ir acompañados dun adulto- e abonar unha cuota de tres euros, en concepto dos desprazamentos en autobús, que nesta ocasión os levará o día 27 desde o pavillón da Gándara ata Covas para iniciar o traxecto e os traerá de regreso ao remate do mesmo ata Narón. Os camiñantes realizarán unha parada para un avituallamento e estarán acompañados durante todo o percorrido por persoal de Protección Civil. No caso de que a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) decrete alerta laranxa ou vermella suspenderase a actividade, tal e como recordaron desde a organización.
www.naron.es