Concello de Narón
Novas
O CLUB DE GOLF CAMPOMAR ACOLLERÁ ESTA FIN DE SEMANA O "XI TORNEO DE GOLF CIDADE DE NARÓN"
O Padroado de Deportes de Narón e o Club de Golf Campomar organizan o evento, que se desenvolverá os días 28 e 29 de outubro no Val
Narón, 26 de outubro de 2016. O edil de Deportes, Román Romero, presentou hoxe a undécima edición do “Torneo de golf Cidade de Narón” acompañado polo secretario e o xestor de campo do Club de Golf Campomar, Francisco Alarcón e Jorge Lage, respectivamente. Esta cita deportiva terá lugar esta fin de semana, os días 28 e 29, nas instalacións da entidade no lugar de Vilacornelle, na parroquia do Val. O Concello de Narón colabora un ano máis neste evento, a través do Padroado de Deportes. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo ata o propio venres antes do inicio das probas –no caso de que existan vacantes- na páxina: http://clubcampomar.com, a través da que se poden inscribir cubrindo un formulario, ou tamén nas instalacións do clube; por teléfono, no 981 453 910 ou chamando ao móbil 663 123 398. O concelleiro de Deportes valorou o feito de que un ano máis se convoque este evento deportivo na cidade e animou á xente a participar neste torneo, subliñando a gran afición ao golf tanto na localidade como na comarca. O día 28 o torneo dará comezo ás 15.00 horas e na xornada do día 29 pola mañá iniciarase ás 9.30 e pola tarde ás 14.30. Trátase dun evento aberto á participación de calquera persoa federada, na modalidade de xogo “Stableford” (por puntos, en vez de por golpes), e na que haberá dúas categorías con tres premios por cada unha delas. Así mesmo, recibirán trofeos o primeiro clasificado na modalidade “Scratch”; o mellor “Drive” foxo 12; o mellor “Aproach” foxo 11 e o mellor xogador infantil. A entrega dos premios será o sábado día 29, sobre as 20.00 horas, nas instalacións do clube naronés, estando tamén previsto un sorteo de material deportivo. Antes do remate do evento servirase un cóctel para participantes e acompañantes. A organización confía en acadar unha cifra elevada de participantes, estando xa confirmada a asistencia de persoas procedentes de Santiago, Miño, Lugo, A Coruña e da zona de Ferrolterra, Eume e Ortegal. “Trátase dun torneo emblemático para o noso clube porque a relación co Concello é inmellorable”, asegurou Alarcón. “Aproveitando a celebración deste torneo, animamos á cidadanía a coñecer as instalacións do Club de Golf Campomar, un clube modesto desde o que se prestan uns servizos de primeira calidade, cumprindo con creces calquera status desta práctica deportiva na comunidade”, asegurou o secretario da entidade. O Club de Golf Campomar conta na actualidade con preto dun cento de socios (familiares) e na súa Escola matricúlanse alumnos e alumnas a partir dos seis anos.
www.naron.es