Concello de Narón
Novas
DOUS DIRECTIVOS DO AJAX DE AMSTERDAM VISITARON HOXE A SD O VAL CON PERSOAL DO CLUBE NARONÉS E REPRESENTANTES DO GOBERNO LOCAL
Os valexos convidaron ao equipo holandés a través dun escrito no que lles informaban de que os xogadores do Val visten unha camiseta igual á do Ajax
Narón, 20 de outubro de 2016. O concelleiro de Deportes de Narón, Román Romero, e o edil de Promoción Económica, Pablo Villamar, acompañaron hoxe ao presidente da Sociedade Deportiva O Val, Antonio López, a persoal da directiva do clube naronés, e ao presidente da Federación Galega de Fútbol, Manuel Mesa, á recepción organizada a integrantes da directiva do Ajax de Amsterdam, representada por Maarten Oldenhof e Dick Schoenaker, este último tamén xogador do Ajax hai uns anos. Os visitantes desprazáronse esta mañá a Narón tras recibir hai uns días un escrito enviado desde a sociedade deportiva naronesa no que se lles comentaba que os xogadores da SD O Val –Primeira Galicia- visten unha camiseta como a do Ajax, debido a que foi o seu referente no momento da súa constitución como clube de fútbol, ao estar o Ajax na década dos setenta nun momento de gran esplendor a nivel deportivo. O concelleiro de Deportes agradeceu a atención que a directiva do clube holandés tivo cos valexos e a visita de hoxe de dous dos seus directivos ao Val. Oldenhof e Schoenaker chegaron ás instalacións deportivas de Sinde pasadas as once da mañá. Unha vez alí conversaron cos representantes do goberno local e da directiva do clube valexo, que lles explicou a historia da SD O Val. O presidente da Federación Galega de Fútbol, Manuel Mesa, e o da Sociedade Deportiva O Val, Antonio López, entregaron uns agasallos aos representantes do Ajax de Ámsterdam e tamén lles deron unha camiseta do clube valexo. “Sorprendémonos moito cando recibimos o escrito da SD O Val no que se nos explicaba a traxectoria deste clube e no que nos comentaban que a camiseta é igual á do Ajax”, asegurou Dick Schoenaker. O seu compañeiro na directiva do citado clube, Maarten Oldenhof, recoñeceu que antes de recibir o escrito “non tiñamos coñecemento da existencia deste clube” e preguntado sobre a posibilidade de manterse en contacto cos valexos asegurou que “se podemos axudarnos mutuamente, nós estaremos encantados”. O edil Pablo Villamar recordou durante a visita que no ano 1976, cando se constituíu a SD O Val, chegaba ás filas do Ajax Dick Schoenaker, presente no acto desta mañá. Tras coñecer as instalacións deportivas localizadas no lugar de Sinde os asistentes acudiron a unha comida de confraternidade antes de partir os representantes do Ajax cara a Vigo, onde esta mesma tarde, ás 19.00 horas, o equipo xogará un partido co Celta enmarcado na Europa League 2016-2017.
www.naron.es