Concello de Narón
Novas
MÁIS DE 160 PERSOAS PARTICIPARÁN NA PRIMEIRA ANDAINA DA SEGUNDA EDICIÓN DO PROGRAMA "PONTE EN RUTA CON NÓS"
Os camiñantes sairán do pavillón da Gándara cara á Cabana, en Ferrol, para realizar un percorrido polos paseos marítimos dos dous municipios
Narón, 20 de outubro de 2016. Un total de 165 persoas participarán este domingo, día 23, na primeira saída das programadas no marco da segunda edición do programa “Ponte en ruta con nós”, organizado polo Padroado de Deportes de Narón en colaboración coa empresa Arasti Barca. Os camiñantes sairán ás 10.30 do pavillón da Gándara cara á Cabana e realizarán un percorrido duns doce quilómetros polos paseos marítimos de Narón e Ferrol, estando prevista a chegada de novo á Cabana ás 13.00 horas. Desde alí un autobús levará de regreso aos participantes ao polideportivo municipal da Gándara, donde deben personarse vinte minutos antes da hora de saída deste roteiro. O concelleiro de Deportes, Román Romero, recordou o éxito que na súa primeira edición acadou este programa municipal, “co que pretendemos fomentar que as veciñas e os veciños realicen exercicio ao aire libre programando unha serie de roteiros adaptados a todas as idades, e cos que poder gozar tamén da paisaxe tanto do municipio naronés como doutros concellos da comarca”. O edil subliñou que se trata “dunha magnífica oportunidade para coñecer algunhas construcións que forman parte do patrimonio local”. A vindeira das saídas programadas terá lugar o 27 de novembro, cun percorrido por Covas e o cabo Prior. O prazo para anotarse abrirá o 2 de novembro e as inscricións tramitaranse no polideportivo da Gándara, de luns a xoves en horario de 10.00 a 13.00 e de 16.30 a 18.30 e os venres de 9.00 a 13.00. As prazas son limitadas e non poden asistir menores de 18 anos sen ir acompañados por un adulto. O custe é de tres euros, unha cantidade simbólica para axudar a pagar os desprazamentos en autobús dos participantes nas andainas. En caso de alerta laranxa ou vermella por parte da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) a actividade quedará suspendida.
www.naron.es