Concello de Narón
Novas
UN TOTAL DE DEZASEIS EQUIPOS PARTICIPARÁN NO "I TORNEO ALEVÍN F8 CD NARÓN"
O evento deportivo terá lugar o 3 de setembro a partir das 09.30 horas no campo do Cadaval
Narón, 31 de agosto de 2016. A concelleira Natalia Hermida, o presidente do Club Deportivo Narón, Juan Manuel Ramos, e o delegado en Ferrolterra da Federación Galega de Fútbol, Manuel Mesa, presentaron a primeira edición do “Torneo Alevín F8 CD Narón”. O evento desenvolverase este sábado, día 3, no campo do Cadaval, a partir das 9.30 horas –e ata as 20.30 aproximadamente- e no mesmo participarán dezaseis equipos procedentes de diferentes localidades. Ademáis das categorías A, B e C do CD Narón acudirán ao torneo o RC Deportivo da Coruña, a SD Compostela; o Victoria CF; o CD Calasanz; o Ural CF; o Racing Club Ferrol; a SCRD Galicia Caranza; a EF Luis Calvo Sanz; a ED Xuventude de Oroso; o Noia CF; a Escola Estrada Fútbol Base; o Eume Deportivo; e a SDCR Narón O Freixo. A concelleira Natalia Hermida agradeceu a iniciativa do CD Narón para difundir o traballo da Asociación Galega de Fibrosis Quística neste torneo, ao igual que fixeron Carmen Vázquez e Lorena Magadán –presentes na rolda de prensa de hoxe- e animou aos veciños e veciñas a acudir a esta convocatoria, con entrada de balde. A edil tamén destacou o traballo da Federación Galega de Fútbol e subliñou a repercusión que a nivel deportivo e turístico terá este evento na localidade. O Concello de Narón e o CD Narón organizan a convocatoria, na que se renderá unha homenaxe a Juan Luis Amigo Ferreiro, “Juanito”, que xogou no Deportivo da Coruña, o Compostela, o Betis, o Mérida o Racing de Ferrol e o Narón, tal e como recordaron desde o CD Narón. “Juanito” exerceu tamén como adestrador nos equipos de base do Narón Balompé e actualmente adestra na categoría infantil do CD Narón. A organización entregará un agasallo a “Juanito” sobre as 19.30 horas e unha hora máis tarde está prevista a entrega de trofeos aos catro clubes mellor clasificados no toneo, ao máis goleador e ao mellor xogador, tal e como apuntou Juan Manuel Ramos. Pola súa parte, Natalia Hermida valorou o traballo desenvolvido desde hai anos por “Juanito” e agradeceu a organización da homenaxe por parte do CD Narón, do que tamén destacou a súa traxectoria deportiva. Pola sía parte, Carmen Vázquez e Lorena Magadán, vocal e asociada respectivamente da Asociación Galega de Fibrosis Quística, explicaron que se instalará unha mesa informativa da entidade nas inmediacións do campo do Cadaval. Carmen Vázquez agradeceu o feito de que a organización colabore coa asociación, subliñando que “a pesares de que é unha enfermidade rara, é a máis frecuente e unha de cada 35 persoas somos portadores desta doenza xenética, hereditaria e que a día de hoxe non ten cura, aínda que si hai medicación para frear o seu avance en certos casos”. Así mesmo, Vázquez destacou a importancia de convocar este tipo de eventos cos que axudar a informar á poboación sobre esta enfermidade e para continuar avanzando na investigación sobre e mesma. O delegado da Federación Galega de Fútbol en Ferrolterra abriu as portas da delegación “para dar a coñecer esta asociación do xeito que consideredes oportuno e para tentar que cada torneo que se organice desde esta delegación leve o voso nome, que será unha forma de facervos ver como entidade e de explicar a importancia do deporte para as persoas con fibrose quística”. Mesa destacou tamén a convocatoria deste torneo na localidade e valorou a participación dos diferentes equipos. A Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña colaboran neste evento deportivo.
www.naron.es