Concello de Narón
Novas
APERTURA DO PRAZO DE INSCRICIÓN NAS ESCOLAS DEPORTIVAS E ACTIVIDADES CONVENIADAS E DE CLUBES NO PADROADO DE DEPORTES
As novas inscricións comezarán a formalizarse a partir do vindeiro 12 de agosto nas diferentes propostas deportivas
Narón, 18 de agosto de 2016. O Padroado de Deportes de Narón abrirá o 12 de setembro o prazo de inscricións da tempada 2016-2017 nas piscinas, escolas deportivas do pavillón, conveniadas, de clubes e ximnasio. Así o indicou o concelleiro de Deportes, Román Romero, que recordou que o período para anotarse varía en función da actividade. No caso das escolas deportivas do complexo polideportivo e piscina da Gándara e actividades de nado libre, ximnasia de mantemento, ioga, pilates e musculación, indicouse que as reservas de praza para a tempada 2016-2017 de usuarios que continuarán nas actividades e teñen domiciliados os recibos, o correspondente ao mes de outubro pasarase ao cobro entre os días 1 e 10 de setembro. Os usuarios que non desexen continuar nas citadas actividades na vindeira temporada deben comunicalo por escrito antes do 1 de setembro cubrindo o modelo que poderán atopar nas oficinas e na conserxería do polideportivo da Gándara. As persoas que se anoten por primeira vez nas piscinas ou no ximnasio comezarán as actividades o 1 de outubro e poden inscribirse do 12 ao 30 de setembro no caso de ter bono familiar e residir en Narón, ou do 19 ao 30, tamén do vindeiro mes, se son veciños doutros concellos. En ambos casos poden anotarse en horario de 9.00 a 13.00, de luns a venres, no polideportivo da Gándara. As inscricións para as escolas deportivas do pavillón e actividades conveniadas (balonmán, voleibol e ximnasia rítmica) abrirán o prazo para anotarse o 12 de setembro, ao igual que as escolas deportivas exteriores, actividades conveniadas e outras actividades de clubes (atletismo, tenis de mesa, tiro con arco, remo, xadrez, fútbol, fútbol sala, baloncesto, piragüismo, golf, badmintong, boxeo, kick boxing, tempo libre e patinaxe artística). O edil de Deportes de Narón destacou o elevado número de persoas que se inscriben cada ano nas diferentes escolas deportivas do Padroado, actividades conveniadas e de clubes, e tamén das que acoden ás piscinas e ao ximnasio, recordando que a media do pasado ano situouse en algo máis de 3.000 usuarios. “Centos de rapaces e rapazas de Narón e da comarca inscríbense nas actividades deportivas impulsadas desde o Padroado de Deportes, cunha ampla e variada oferta á disposición da veciñanza”, apuntou Romero. As persoas que desexen recibir máis información poden dirixirse ao complexo polideportivo municipal da Gándara, no número 148 da estrada da Gándara, ou chamar ao teléfono 981 387 522.
www.naron.es