Concello de Narón
Novas
A PISCINA MUNICIPAL DA GÁNDARA ABRIRÁ PARA O BAÑO LIBRE DO 4 AO 22 DE XULLO
As instalacións estarán operativas en horario de mañá para baño libre, establecéndose quendas de corenta e cinco minutos de duración
Narón, 30 de xuño de 2016. A piscina municipal da Gándara abrirá as súas portas durante boa parte do mes de xullo para sesións de baño libre. Así o anunciou o concelleiro de Deportes, Román Romero, que subliñou que hai varios anos que as instalacións permanecían pechadas nos meses de xullo e agosto pero que nesta ocasión abrirán “co fin de atender as peticións formuladas por usuarios das instalacións”. Permanecerá operativa de luns a venres desde o 4 ata o 22 de xullo, ambos incluídos, en horario de 9.15 a 12.15 horas. Os turnos para entrar serán de 45 minutos de duración, correspondéndose os habilitados cos horarios: de 9.15 a 10.00; de 10.00 a 10.45; de 10.45 a 11.30 e de 11.30 a 12.15. O acceso á piscina poderá realizarse co bono de baño libre ou tamén retirando a entrada dez minutos antes de cada turno na conserxería do pavillón da Gándara. O edil naronés destacou o esforzo realizado este ano desde o Concello para poder manter abertas as instalacións durante este período. Romero animou á veciñanza a acudir á piscina nesas datas para “continuar dando uso ás instalacións durante parte do verán, algo que non se viña facendo nos últimos tempos e que consideramos que no caso de que finalmente a aceptación se corresponda coa demanda rexistrada, haberá que analizar a viabilidade de manter en vindeiros anos”. As instalacións pecharán o 22 de xullo retomarán no mes de setembro a actividade habitual, tal e como apuntou Román Romero.
www.naron.es