Concello de Narón
Novas
O CLUB BAILE DEPORTIVO NARÓN CONSIGUE CATRO PRIMEIROS POSTOS NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE DANZA COREOGRÁFICA E BAILES LATINOS
Unha parella e tres grupos do clube naronés obtiveron a primeira praza nas súas respectivas categorías
Narón, 29 de xuño de 2016. O Club Baile Deportivo Narón participou no Campionato de España de Latinos e Danza Coreográfica que se desenvolveu do 24 ao 26 de xuño no Pabellón Europa de Leganés, en Madrid. Parellas e grupos do clube naronés acadaron os primeiros premios nas categorías Adulto II de Latinos e Xuvenil, Junior e Absoluta de Danza Coreográfica. En calidade de adestradores do CBD Narón acudiron á convocatoria Román Romero e Sandra García. Ambos destacaron os éxitos do clube e felicitaron aos participantes en xeral pola calidade das actuacións e, en particular, aos integrantes do clube naronés que participaron neste campionato, polos bos resultados acadados. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, felicitou tamén aos participantes do CBD Narón polos premios obtidos, que constatan o éxito do esforzo realizado polas parellas e grupos do clube, destacou. A parella formada por David López e Jéssica García revalidou a pasada fin de semana o título de campións de España de Latinos na categoría de Adultos II. Nesta mesma modalidade deportiva acadaron importantes postos Jesús Marcos e Lucía Fernández, cunha cuarta posición na categoría de Adultos II (o mesmo posto que o ano pasado); David Díaz e Mireia Balada, quintos na de Adulto I e Kevin Moreno e Marta Castaño, sétimos na de Sub 21 estes últimos na primeira vez que participan como parella na competición. Así mesmo, na modalidade de Danza Coreográfica do Campionato de España resultaron elixidos campións na modalidade de Xuvenil o grupo Narón Kids, que revalidou o posto acadado o pasado ano. Do Club Baile Deportivo Narón son tamén os campións das categorías Junior, co grupo Ritmo de Narón e Absoluto, na categoría B-A (que se disputou por primeiro ano), que foi para Remember Narón, revalidando ambos os postos do ano anterior. Subcampións de España en Danza Coreográfica quedaron os integrantes do grupo Dance Narón, na categoría Junior e na quinta posición da Xuvenil os de New Generation. O pasado ano o Campionato de España de Latinos e Danza Coreográfica celebrouse no pavillón polideportivo da Gándara, no municipio naronés. Obtiveron entón destacados postos os integrantes dos grupos e parellas do Club Baile Deportivo Narón que un ano máis destacaron nesta ocasión co seu traballo na competición celebrada en Madrid, tal e como aseguraron Sandra García e Román Romero.
www.naron.es